Friday 17 de May de 2024

As VII Xornadas Micolóxicas da Pobra remataron cunha saída ao campo, entrega de premios e degustación gastronómica


A fin de semana aglutinou boa parte das actividades no marco das VII Xornadas Micolóxicas que impulsa a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal.

No 12 de novembro chegaron á fin coas xa tradicionais propostas. Mónica Saavedra, especialista no xénero Amanita, guiou unha saída ao campo para coñecer no monte da Curota e nas inmediacións do estadio municipal da Alta algunhas das especies que máis abundan no noso territorio para despois formar unha pequena exposición no mercado municipal.

Precisamente neste lugar, Miguel Mosteiro e o seu equipo de Gastrolab Arousa efectuaron un showcooking con tres receitas a base de cogomelos e fíxose a entrega de premios do VII Concurso Fotográfico de Micoloxía, que rexistrou 67 imaxes nesta convocatoria.

A primeira distinción deste certame recaeu nunha fotografía da autoría de Ramón Rial Pérez, a segunda foi parar a unha instantánea tomada por Sergio Pérez Boullón e a terceira adxudicouse a unha imaxe de Pablo Blanco Teijeiro.

O concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, foi o encargado de face-la entrega dos galardóns desta acción que reparte 750 euros no total, en formato de vales de compra para trocar no comercio local.